domingo, 18 de enero de 2009

III CICLO DE CONCERTOS: AS MÚSICAS CONTEMPORÁNEAS (outubro a decembro de 2007)

INTRODUCIÓN

Estamos xa na terceira edición dos Concertos didácticos da Universidade da Coruña. Non dubiden de que este vicerreitor acenderá feliz as tres velas xunto ao seu equipo da área de cultura. Tres anos en marcha son boa proba da súa vitalidade e tamén, ai, da súa viabilidade. Comprendan que non é o mesmo tirar de axencias ou de chequeiro que facelo, como o facemos nós, con máis entusiasmo e imaxinación que medios materiais. É xusto conceder a cada quen o seu mérito nesta empresa e, por esa razón, debo salientar, máis unha vez, o papel decisivo do noso coordinador musical Julián Jesús Pérez Fernández, en quen se concentran entusiasmo, saber e gusto.

Pasamos este ano a paisaxes sonoras contemporáneas. O plural é axeitado, pois a música que percorre o século vinte ata os nosos días non se deixa reducir facilmente a unha soa tradición, como non o fai en pintura ou en literatura. Abondaría con pensar nas tradicións da modernidade que xorden da radicalidade minimalista –só formalista?‑ de Malévich ou de Mondrian e comparalas coas que proceden da exuberancia narrativa –tamén literaria?‑ de Matisse ou do mesmo Picasso, por non falarmos da coexistencia actual entre os vídeos ou as instalacións dos conceptuais puros e quen, como Barceló, non temen revivir a liña dos pintores de catedrais.

Acáelle o plural anterior a este ciclo? Non temos en programa a Stockhausen, a Penderecki ou a Schnitze, ben é certo, e alguén poderá dicir que ficamos curtos ou que somos uns eclécticos. Non esquezan, en calquera caso, que a crianza ten só tres anos e hai tempo e ilusión de abondo por diante.

Si quixera facer fincapé nun aspecto do ciclo que ten o máximo interese para nós e que, co apoio de todos vostedes, desenvolveremos aínda noutros formatos de concerto, pois o consideramos unha obriga: a estrea de diversas obras de compositores galegos vivos.

A decoración cambia. O aparador con espello de azougue picado da bisavoa cede o seu lugar a unha tumbona de aceiro e pel de Le Corbusier. Mais nós, como vostedes, procuramos horizontes amplos e amamos viaxar por todos os países da música, movidos sempre pola curiosidade e o pracer.

Luís Caparrós Esperante

Vicerreitor de Extensión Universitaria e Comunicación

PROGRAMA XERAL

Os concertos e conferencias realizaranse ás 20.30 h.


PRIMEIRO CONCERTO: mércores, 17 de outubro de 2007

“Dúos para violín e arpa na transición ao século XX”

INTÉRPRETES: Grupo Instrumental Siglo XX

Violín: Florian Vlashi, Arpa: Céline Landelle

LUGAR: Paraninfo da Reitoría, A Coruña

SEGUNDO CONCERTO: mércores 24 de outubro de 2007

“O repertorio contemporáneo para frauta e guitarra”

INTÉRPRETES: dúo de Frauta e Guitarra

Frauta: Juan José Dios Cañada, Guitarra: Óscar Iglesias

LUGAR: Paraninfo da Reitoría, A Coruña

CONFERENCIA : sábado 27 de outubro de 2007

"O nacemento do pop: un desvío á contemporaneidade"

Por conta de Xosé Crisanto Gándara Eiroa, musicólogo

LUGAR: Auditorio do Conservatorio Profesional de Música de Ferrol

TERCEIRO CONCERTO: martes 6 de novembro de 2007

“O século XX nas obras para violoncello e piano”

INTÉRPRETES: dúo de Violoncello e Piano

Violoncello: Carlos García Amigo, Piano: Julio Mourenza

LUGAR: Paraninfo da Reitoría, A Coruña

CUARTO CONCERTO: sábado 10 de novembro de 2007

“Visións contemporáneas no repertorio para grupo de metais”

INTÉRPRETES: Grupo de Metais “Santa Cecilia”, de Ferrol

LUGAR: Auditorio do Conservatorio Profesional de Música de Ferrol

CONFERENCIA - CONCERTO: mércores 14 de novembro de 2007

"Historia do violín desde as súas orixes ata os nosos días: de Bach a Xenakis"

Por conta de Florian Vlashi, violinista

LUGAR: Paraninfo da Reitoría, A Coruña

QUINTO CONCERTO: mércores 21 de novembro de 2007

"Tríos con piano de R. Groba e D. Shostakovich"

INTÉRPRETES: Ensemble da Fundación Rogelio Groba

Violín: Rogelio Groba Otero, Violoncello: Clara Groba Otero, Piano: Julio Mourenza

LUGAR: Paraninfo da Reitoría, A Coruña

SEXTO CONCERTO: sábado 1 de decembro de 2007

“Entre dous séculos: Cuartetos con clarinete”

INTÉRPRETES: "Quidam Trio" (Violín, clarinete e piano)

Violín: Beatriz Rodríguez Caridad, Clarinete: Mariola Gil Lago,

Piano: José Manuel Yáñez Carballeira

LUGAR: Auditorio do Conservatorio Profesional de Música de Ferrol

Organizan:

Universidade da Coruña

Vicerreitoría de Cultura e Comunicación-Aula de Música

Colaboran:
Conservatorio Profesional de Música de Ferrol
Supervisión lingüística: Servizo de Normalización lingüística da UDC